Curso gratuíto de Prevención de Riscos Psicosociais: aprende a identificar o estrés, o burnout e o mobbing antes de que che pasen factura

O estrés, o burnout ou o mobbing son termos que cada vez escoitamos máis, pero non sempre sabemos identificalos a tempo, nin en nós mesmas nin en quen nos rodea no traballo. Por iso, dentro do programa de formación en prevención de riscos laborais que Empresarias Galicia pon en marcha grazas á subvención da Xunta de Galicia, o primeiro dos catro cursos céntrase precisamente nisto: os riscos psicosociais.

Trátase dunha formación gratuíta, de 40 horas e en modalidade online, que arrinca o 6 de xullo e se prolonga ata o 31 de xullo de 2026, con 15 prazas dispoñibles.

Que ides aprender?

O curso está pensado para entender que son os riscos psicosociais, como se desenvolven e que impacto emocional e social xeran situacións como o mobbing, o burnout, o estrés, a insatisfacción laboral ou o exceso de carga mental. O obxectivo é recoñecer estas situacións canto antes, tanto se as vivimos en primeira persoa como se as detectamos nunha compañeira ou compañeiro, para podelas previr e reducir.

O programa organízase en dez unidades, que van dende unha introdución aos riscos psicosociais ata un bloque específico dedicado ao estrés (que o provoca e como previlo) e outro ao mobbing (como se produce, que papel xogan agresor, agredida e contorna, e como actuar). As últimas unidades céntranse no burnout: os seus factores e como evitalo. Ademais, o curso inclúe un anexo moi práctico cun exemplo de como actuar ante unha posible situación de acoso no traballo.

A formación corre a cargo dun docente con Máster en Prevención de Riscos Laborais.

empresarias galicia_curso xunta_prevencion riscos psicosociais_2

A quen vai dirixido?

A persoas traballadoras activas ou en situación de desemprego, autónomas, delegadas e delegados de prevención, recursos preventivos e persoas traballadoras designadas que asuman con medios propios a acción preventiva da súa empresa.

Como apuntarse?

As prazas son limitadas, así que se vos interesa, non esperedes demasiado:

 

 

Curso gratuíto grazas ao programa de Accións de Fomento da Prevención de Riscos Laborais, cofinanciado pola Xunta de Galicia.

cartel form xunta

Deja un comentario